A calidade da atención sanitaria que recibimos está sesgada por moitos factores: o noso lugar de residencia, o noso poder adquisitivo, o profesional que nos atenda… Pero, sabías que o teu sexo ou xénero tamén pode determinar o tempo que tardarán en dar co teu diagnóstico?
O patriarcado está presente de xeito moi notable na sanidade, desde que as enfermidades que afectan só a mulleres están moito menos estudadas que outras ata o propio trato cara aos pacientes. Deste xeito, parece ata lóxico que ser muller vaia a influir tamén na rapidez coa que darán co noso resultado pero, por que existen diferenzas con respecto ao tempo que tardan en dar co dos homes?
No seguinte vídeo amosamos unha entrevista que fixo o programa “El Intermedio” a María Teresa Ruiz Cantero, catedrática en Medicina Preventiva e Saúde Pública:
Na entrevista, a catedrática explícanos as diferenzas que existen entre homes e mulleres no tempo que tardan en recibir un diagnóstico. María Teresa interesouse por este tema xa en 1991, cando leu un artigo que evidenciaba que ante problemas de saúde coronarios, e coas mesmas características en canto idade, movilidade… os homes recibían un diagnóstico concluínte antes. Fálanos tamén de que a situación non mellorou nos últimos anos.
Por que esta diferenza? Empézanos por explicar que, por exemplo, nun caso de infarto, os síntomas que presenta unha muller son distintos aos que presenta un home, estando estes moito máis estudados e sendo máis sinxelos de diagnosticar. De feito, en España, as mulleres teñen un 18% máis de probabilidades de morrer por un infarto.
A catedrática fala tamén dun estudo realizado sobre o sistema sanitario danés no que se puxo de manifesto que en 700 enfermidades, existía un retraso de diagnóstico maior en mulleres que en homes, fronte a unha soa enfermidade no que o retraso era para os homes: a osteoporose (moi ligada á menopausia). Este estudo concluía con datos alarmantes: o cancro, por exemplo, tardaba 4 anos e medio máis en ser diagnosticado.
Tamén influe como interpretan os síntomas os profesionais da saúde. Ante o síntoma da dor, as mulleres adoitan ser tratadas en atención primaria con analxesia, mentres que os homes soen derivarse a atención especializada, onde poderán dar coa orixe desa dor.
Pero non todo son malas noticias, cada vez son máis os estudos científicos nos que se está incluíndo a perspectiva de xénero.
Artigos mencionados no vídeo:
-Ayanian JZ, Epstein AM. Differences in the Use of Procedures between Women and Men Hospitalized for Coronary Heart Disease. New England Journal of Medicine. 1991 Jul 25;325(4):221–5
-Siggaard T, Reguant R, Jørgensen IF, Haue AD, Lademann M, Aguayo-Orozco A, et al. Disease trajectory browser for exploring temporal, population-wide disease progression patterns in 7.2 million Danish patients. Nature Communications. 2020 Oct 2;11(1)