29/11/2022

FLORENCE NIGHTINGALE

O Día da Enfermería celébrase a nivel internacional o 12 de maio desde 1965. A data foi escollida polo Consello Internacional de Enfermería en honra á que é considerada a pioneira da enfermería moderna: Florence Nightingale.


Florence Nightingale naceu en Florencia o 12 de maio de 1820. Desde cativa mostrou interese por estudar e polo coidado dos enfermos, algo que na época estaba mal considerado para mozas do seu estatus. Foi educada en primeira instancia por unha instutriz para despois duns anos pasar a recibir leccións do seu pai.

Ao cumplir 20 anos pediulle aos seus pais que lle permitisen estudar matemáticas e, inda que non cederon facilmente, conseguiuno e chegou a ter tutores coma Sylvester. Nas súas leccións aprendeu sobre álxebra, aritmética e xeometría, o que nun futuro lle axudaría a desenvolverse na estatística.

Ata 1845 o único contacto que tivera Nightingale coa enfermería fora o coidado de coñecidos enfermos. A partir de entón, a pesar da oposición da súa familia, aproveitou as viaxes que realizou por Europa e Exipto para estudar diferentes sistemas hospitalarios. Chegado 1850, en Alexandría, comezou a formarse verdadeiramente como enfermera no Instituto de San Vicente de Paul. Tamén se formaría nos seguintes anos en Alemaña e Francia.

En 1854 Rusia invadiu Turquía e estalou a Guerra de Crimea, contexto no que Florence destacaría por primeira vez como enfermera. Durante a Guerra, as instalacións médicas británicas en Turquía eran moi precarias e sépticas, proliferando entre os feridos enfermidades como o cólera e o tifus, polo que Sidney Herbert lle pediu a Nightingale que viaxara ata alí como enfermera administradora. Deste xeito, chegou a Escutari con outras 38 enfermeras. En só dúas semanas conseguiu montar unha cociña, lavandería para desinfectar a roupa dos feridos e enfermos e donativos para mercar 10 mil camisas para os pacientes. Foi neste momento cando se gañou o seu alcume de “a dama da lámpara”, pois visitaba aos pacientes polas noites iluminándose cunha lámpara.

Mentres traballou no hospital militar, Florence Nightingale recolectou datos e desenvolveu un sistema de rexistro que máis tarde outros hospitais usarían para mellorar as súas condicións. Calculou a tasa de mortalidade do hospital, evidenciando que a súa intervención reducira notablemente as mortes. Seguiu facendo avances como a incorporación dunha fonte de auga potable, conseguindo así reducir a mortalidade en 1855 nun 20% en comparación ao ano anterior. Todos os datos estatísticos que recompilou usounos para crear o seu Diagrama de Área Polar. O poema “Santa Filomena” de Henry Wadsworth Longfellow resume a historia de Nightingale na Guerra de Crimea:


“The wounded from the battle pain

In dreary hospitals of pain, 

In cheerless corridors, 

The cold and stony floors.


Lo! in that house of misery

A lady with a lamp I see

Pass through the glimmering gloom, 

And flit from room to room.


And slow, as in a dream of bliss, 

The speechless sufferer turns to kiss

Her shadow, as it falls

Upon the darkening walls.”


En 1856 voltou a Londres para decatarse de que os problemas na sanidade non quedaran en Turquía e que os hospitais militares da cidade e do país precisaban tamén unha reforma. Axudándose de datos estatísticos e loitando pola causa, conseguiu que chegara a oídos da raíña Vitoria así como de Lord Palmeston (Primeiro Ministro). Así, en 1857, puido comenzar unha investigación formal na Comisión Real para a Saúde do Exército.

As ideas de Nightingale de que todos os acontecementos sociais poden medirse e analizarse coas matemáticas foron revolucionarias. Sostiña tamén que cando os valores individuais ou profesionais entran en conflicto pódense realizar cambios na sociedade.

En 1860, no hospital de Saint Thomas en Londres, abriu a Escola de Entrenamento e Fogar Nightingale para dez estudantes, baseada en dúas ideas: as enfermeira debían vivir nun fogar axeitado para formar unha vida disciplinada e moral e que debían adquirir práctica en hospitais organizados para dar esta formación. Grazas a esta escola Florence Nightingale mellorou a fama da enfermería. Durante os seguintes anos foi consultada polos gobernos de Canadá e EEUU sobre a saúde dos respectivos exércitos.

Na Guerra de Crimea salvou numerosas vidas pero condenaría a súa ao contraer unha enfermidade que a faría estar postrada na cama durante os seus últimos anos. A pesar disto, seguiu publicando libros, tendo máis de 150 ao seu nome.

Recibiu numerosos premios e mencións e acabou falecendo en 1910 en Londres, aos 90 anos de idade e unha carreira en enfermería excepcional ata a data. As súas contribuciones a esta ciencia son cuantiosas e as súas teorías seguen sendo aplicadas na práctica actual.

Referencias bibliográficas:

Young, P., Hortis De Smith, V., Chambi, M. C., & Finn, B. C. (2011). Florence Nightingale (1820-1910), a 101 años de su fallecimiento. Revista médica de Chile, 139(6), 807-813.


Velázquez Aznar, A., & Dandicourt Thomas, C. (2010). Florence Nightingale. La dama de la lámpara (1820-1910). Revista cubana de enfermería, 26(4), 166-169.


Longfellow HW. Santa Filomena [Internet]. The Atlantic. 1857 [recollido en 2021 Jun 5]. Dispoñible en: https://www.theatlantic.com/magazine/archive/1857/11/santa-filomena/531180/