A mastectomía é un procedemento quirúrxico para o tratamento do cancro de mama que consiste en extirpar a mama afectada da paciente. A propia palabra nos indica isto: mastos- en grego significa mama e -ektomée, extirpación. Quen se somete a esta ciruxía e que clase de mastectomías existen?
Como xa mencionamos, a mastectomía é un posible tratamento ao cancro de mama. Nos casos nos que a paciente non poida recibir radioterapia (por exemplo, porque está embarazada e pode danar ao feto), prefire a ciruxía a ista, xa recibiu radioterapia pero non foi efectiva, pódese optar por este procedemento. En pacientes de cancro de mama que tamén presnetan lupus ou esclerodermia, non se recomenda a radioterapia, pois son moito máis sensibles ao seu efecto; polo tanto, tamén soen optar pola mastectomía.
Cando o tumor é de máis de 5cm, ou existe máis dun tumor nunha mesma mama e non poden ser extirpados xuntos, a ciruxía conservadora do peito non é unha opción, polo que se realiza a mastectomía.
A mastectomía non é só un proceso curativo, tamén se pode realizar por motivos de expresión de xénero. Os homes transexuais que padecen disforia de xénero cara ao seu peito, poden realizar esta ciruxía para eliminar o tecido glandular mamario, conservando a areola e o pezón. Deste xeito, conseguen a masculinización do tórax, cun peito liso e simétrico.
TIPOS DE MASTECTOMÍAS
Mastectomía radical
Consiste na extirpación da glándula mamaria, ambos músculos pectorales e un baleiro axilar completo. Pódese realizar seguindo a orde descrita ou comezando pola axila. O resultado non é estético e ainda que se empregou ata fai dúas décadas como técnica predilecta, hoxe en día só se realiza en pacientes nos que a quimioterapia non funciona e o cancro está en estadío III, ou en pacientes nos que o tumor afecta ao pectoral.
Mastectomía radical modificada
Existen dous tipos: de Patey, na que se extirpan glándula mamaria, pectoral menor e fascia do pectoral maior; e de Madden, na que se extirpa a glándula pero non os pectorais, pode presentar baleiro da axila ou non.
Os resultados estéticos en ambas técnicas son mellores, pois a incisión é horizaontal. Hoxe en día son as técnicas máis empregadas e presentan numerosas indicacións, incluso en tumores grandes e en estadío III. Tamén estarían indicadas para tratar o cancro de mama en homes.
Mastectomía radical ampliada
Nesta intervención, extírpanse os ganglios mamarios internos, en bloque coa parede torácica ou de xeito discontinuo. Actualmente apenas se realiza, só estaría indicada en tumores moi grandes nos cadrantes internos.
Mastectomía superradical
Practicamente non ten indicacións hoxe en día, consiste na diseccións dos ganglios supraclaviculares.
Mastectomía simple
Trátase de extirpar a glándula mamaria, sen baleirar a axila. Na maioría dos casos non serve como intervención curativa, senón que se realiza en coidados paliativos a modo de “limpeza”. Os resultados estéticos son bos, pois a incisión é horizontal.
Mastectomía subcutánea
Nesta intervencion consérvase a pel, a areola e o pezón, e só se extirpa parte da glándula mamaria. Non obstante, aínda que presenta os mellores resultados estéticos, só está indicada para pacientes con risco de cancro de mama (pero que aínda non o presentan) e na extirpación de tumores benignos.
Referencias bibliográficas:
Del Val Gil JM, López Bañeres MF, Rebollo López FJ, Utrillas Martínez AC, Minguillón Serrano A. Cáncer de mama y mastectomía. Estado actual. Cirugía Española. 2001 Jan;69(1):56–65
Mastectomía trans [Internet]. IM GENDER. 2019. Dispoñible en: https://cirugiadegenero.com/mastectomia-trans/
Mastectomía [Internet]. www.cancer.org. 2017. Dispoñible en: https://www.cancer.org/es/cancer/cancer-de-seno/tratamiento/cirugia-del-cancer-de-seno/mastectomia.html
Casadevall Galán, I., Villavicencio Crespo, P., Margarita Castillo Naranjo, I., Rojas Gispert, M. I., & Castañeda Capote, M. D. L. Á. (2008). Cirugía conservadora y mastectomía radical modificada en el cáncer de mama de etapas I y II. Revista Cubana de Cirugía, 47(2), 0-0.