A depresión postparto trátase dun trastorno que afecta ás mulleres despois de dar a luz e que pode prolongar os seus síntomas ata anos despois. Existe certa estigmatización cara a este trastorno, que non é abordado desde a saúde pública como un problema da magnitude que presenta: entre un 10-15% das mulleres xestantes padéceno a nivel mundial. Pero, como, por que e quen desenvolve depresión postparto?
Durante as 6 primeiras semanas posteriores ao parto, o corpo da muller sofre unha serie de cambios bioquímicos e situacións de estrés que poden desencadear na depresión postparto. É relativamente frecuente atopar persoas, incluso profesionais da saúde, que culpabilizan á propia muller de desenvolver este trastorno. Ainda que os antecedentes familiares en depresión ou bipolaridade inflúen á hora da aparición da depresión, a bibliografía lévanos a decantarnos máis por un desbalance hormonal e unha combinación de factores ambientais como “culpables” máis que por as características da xestante. De feito, variables como a idade, raza ou cultura non teñen a penas impacto na aparición da depresión postparto.
A metade das mulleres padecerán tristeza postparto ou baby blues durante a primeira semana de vida do neonato, un 13% sufrirá un episodio depresivo maior durante o primeiro ano e a absoluta maioría sentirase sobrepasada nalgún punto polos coidados que require o seu bebé. Entón, como podemos diferenciar estes sentimentos da depresión postparto?
Deberemos prestar atención aos seguintes síntomas e consultalos cun profesional:
-Tristeza e humor depresivo
-Pouca vitalidade, cansancio xeralizado e reducción da actividade
-Déficit de atención e concentración
-Pérdida de apetito
-Pérdida de confianza nunha mesma
-Trastornos do sono
Vixiar a calidade do sono será de grande importancia pois está demostrado que unha mala calidade agrava o resto de síntomas.
En casos máis severos a depresión postparto pode levar a ter pensamentos suicidas e a autolesión. Neste caso a intervención sería de extrema urxencia, polo que recomendamos contactar co 024 que porá unha ambulancia e atención psicolóxica inmediata á súa disposición.
Máis alá do deterioro no estado anímico da nai, a depresión postparto pode ter consecuencias negativas para o bebé. As mulleres deprimidas teñen máis probabilidades de interromper a lactancia materna de xeito temprano ou de ter problemas para amamantar, o vínculo nai-fillo pódese ver debilitado, o que pode levar incluso a comportamientos abusivos; e o propio bebé pode presentar problemas a longo prazo como son na regulación emocional, problemas de comportamento e maior risco de deterioro cognitivo.
TRATAMENTO
Existen numerosos tratamentos clínicos, psicolóxicos e psiquiátricos e terapias alternativas para paliar a depresión postparto como son a medicación, a terapia cognitivo-conductual ou a terapia de estimulación cerebral.
Tamén está en auxe a investigación para dar con métodos para previr este trastorno. Entre as distintas posibilidades que atopamos están adiantar o primeiro chequeo postparto á primeira semana en lugar de á sexta como se estipula no momento ou incorporar suplementos dietéticos e intervencións hormonais durante o embarazo (por exemplo, da glándula tiroides). Sen dúbida, todos os estudos nos levan a dar a maior importancia a contar con apoio social: arredor dun 50% das mulleres que presentan este trastorno non contan con respaldo dos seus familiares ou amigos. Tal é a magnitude da súa relevancia que é considerado un factor de risco para a aparición da depresión postparto e na maioría dos casos solucionar esta situación sería máis efectivo para previr ou tratar a depresión que administrar medicación.
As mulleres xestantes de baixo estatus socioeconómico conforman un grupo de alto risco de depresión postparto, pois o seu acceso a atención médica perinatal (periodo no que se incorporan os métodos de prevención e tratamentos mencionados) é limitado. Polo tanto, desenvolver políticas sociais de protección á poboación vulnerable de pobreza ou exclusión social e apostar por unha sanidade pública e accesible son tamén métodos indirectos para previr a depresión postparto.
Referencias bibliográficas:
Evans M. G, Vicuña M. M, Marín R. DEPRESION POSTPARTO REALIDAD EN EL SISTEMA PUBLICO DE ATENCION DE SALUD. Revista chilena de obstetricia y ginecología. 2003;68(6).
National Institute of Mental Health. NIMH» Depresión perinatal [Internet]. Dispoñible en: https://www.nimh.nih.gov/health/publications/espanol/depresion-perinatal
Sockol LE, Epperson CN, Barber JP. Preventing postpartum depression: A meta-analytic review. Clinical Psychology Review. 2013 Dec;33(8):1205–17.
Depresión posparto - Síntomas y causas - Mayo Clinic [Internet]. 2022.Dispoñible en: https://www.mayoclinic.org/es-es/diseases-conditions/postpartum-depression/symptoms-causes/syc-20376617
Okun ML, Mancuso RA, Hobel CJ, Schetter CD, Coussons-Read M. Poor sleep quality increases symptoms of depression and anxiety in postpartum women. Journal of Behavioral Medicine [Internet]. 2018 Jul 20;41(5):703–10.Dispoñible en: https://link.springer.com/article/10.1007/s10865-018-9950-7